Quen foron os visigodos? Que características presenta o reino que fundaron na península? Por que este reino se desintegrou tan rapidamente trala derrota na batalla de Guadalete fronte as tropas musulmás no ano 711? Temos que saber toda a listaxe de nomes dos reis godos?
Neste episodio de Historia Take Away tentamos dar resposta a estas e a outras preguntas. Cuarto episodio desta serie dedicada á Historia de España de 2º de Bacharelato, desde a Prehistoria até a actualidade. Viaxamos até a Alta Idade Media, en concreto ao s. VII. Ben, un pouco antes, mais será este século onde o reino visigodo protagonice a historia de España.
Non tes 25 minutos para te achegar á monarquía visigoda? Seguro? Non pasa nada. Aquí te achegamos as conclusións finais do episodio, para que che fagas unha idea do que falamos, mais non perdas a oportunidade viaxar a Alta Idade Media peninsular, desde onde ti quixeres.
1. Os visigodos son un pobo xermano que entra en contacto co Imperio Romano no s. III d.C. A súa primeira incursión na Península Ibérica será no ano 415, na Tarraconense.
2. Os visigodos asinaron un tratado cos romanos no 418 polo cal, a cambio de terras na Galia, eles se integraban no exército romano e se comprometían a defender a fronteira imperial, a expulsar os outros pobos xermanos da Península Ibérica (suevos, vándalos e alanos) e a frear os levamentos e movementos campesiños sublevados na península contra o poder imperial. Pouco despois formarán un reino na Galia con capital na actual Toulouse.
3. O establecemento definitivo dos visigodos na Península Ibérica non se producirá antes do 458. Neste período coexistirán co reino suevo e durante o reinado do monarca ostrogodo Teodorico II os territorios visigodos estarán integrados nese reino.
4. Será a partir do ano 531, reinando Teudis, cando os visigodos se instalen na Península Ibérica, froito da expansión militar franca da Galia e polo desexo do rei visigodo de asegurar a súa presenza na península fronte a invasión bizantina.
5. No reinado de Leovixildo constitúese o reino visigodo con capital en Toledo, derrótase os suevos e intégrase os seus territorios no reino visigodo (585). Inicia unha política para crear un reino unitario, xa con cambios lexislativos para permitir os matrimonios mixtos entre visigodos e hispanorromanos, xa co intento de unificación relixiosa baixo o credo arriano. A unidade legal confirmarase en tempos de Recesvinto coa instauración do Liber Iudiciorum.
6. A definitiva unificación relixiosa darase con Recaredo, baixo o credo católico, confirmada no III Concilio de Toledo. A Igrexa recupera o seu poder político e social, mentres que o rei visigodo será a cabeza da Igrexa. Os concilios de Toledo será unha institución creada para apoiar as medidas do rei, tratar asuntos políticos e relixiosos do reino e lexitimar a sucesión o trono.
7. Ao longo de todo o período visigodo vivirase unha fonda inestabilidade política. Asistiremos os intentos da coroa por reforzar o seu poder fronte á nobreza e por asegurar a sucesión da coroa, que se mantén electiva máis cun número moi reducido de electores (principais magnates e bispos). A incapacidade por asentar o seu poder efectivo, as continuas guerras e enfrontamentos entre a nobreza e fronte ao rei, en especial nos períodos de sucesión da coroa, serán a causa da desaparición do reino. A rápida desintegración do reino visigodo tras a batalla de Guadalete, unha guerra nobiliar pola sucesión do rei Vitiza, é boa proba da debilidade do reino visigodo.
Recursos (para ler e profundar no tema)
Información xeral sobre os visigodos:
– El Reino Visigodo, un bo resumo sobre o tema.
– Visigoth – Ancient History Encyclopedia. Así, de paso, practicas un pouco de inglés.
De quen falamos:
- Casiodoro.
- Leovigildo. Tamén hai versión na wikipedia en galego, mais a información na versión en castelán é moito máis ampla.
Outros aspectos que mencionamos:
O “foedus”, o tratado entre Roma e os visigodos: - Pactos de hospitalidad en los últimos siglos de Roma – Romana Insolentia.
A importancia do Liber Iudicorum: - Liber Iudiciorum,definido na Wikipedia
- Liber Ludiciorum: Antecedentes, Estructura e Importancia.
Sobre a Aula Regia: - Un achegamento desde outro punto de vista á Aula Regia
De onde sacamos os datos sobre a morte violenta dos reis visigodos: - 15 DE 32 REYES GODOS FUERON ASESINADOS
Onde nos escoitar…
Escoita o meu podcast- Oe ou descarga o audio do episodio en spreaker.
- Oe ou descarga o audio do episodio en ivoox.
- Oe ou descarga o audio do episodio en iTunes.
- Descarga directa do mp3.
Ademais destas plataformas de podcast, quen o así o preferiren, poder ouvir este episodio a través da nosa canle en Youtube. E tamén en Spotify!
Imaxe: Coroa votiva de Recesvinto,conservada no Museo Arqueolóxico Nacional (Madrid).
CRÉDITOS (todas as obras utilizadas utilízanse baixo a licenza Creative Commons, Atribución 3.0): Músicas da sintonía: District Four, de Kevin MacLeod (https://incompetech.com). Temptation March, de Jason Shaw (http://audionatix.com)