#01.05. Yes, we can! Liberalismo e no nacemento dos Estados Unidos

boston_tea_party_currier_colored

Este próximo novembro, como catro anos, coincidindo sempre en ano bisesto, nos Estados Unidos teñen lugar as eleccións presidenciais. Xa van alá 228 anos desde que tiveron lugar os primeiros comicios dos que saiu elixido George Washington como primeiro presidente desta nación. Xa choveu moito, non? 

O nacemento dos Estados Unidos coma unha nación independente é crucial na historia contemporánea. Por primeira vez unha nación vaise rexer polos principios do liberalismo. Promulgarán unha constitución, vixente até a actualidade que establecerá as bases do funcionamento político deste país, a democracia máis antiga das que existen na actualidade, así como fixarán os principios fundamentais de todas/os as cidadás americanas (dos EE.UU. Lembrade que as/os estadounienses denomínanse a si mesmo como americans. Non vos estranedes, así son os estadounidenses, como se non existise ninguén máis no continente. Ou no baloncesto, posto que os campións do seu torneo nacional, a NBA, non son simplemente os campións dos Estados Unidos, son os campións mundiais. Son os mellores, mais …).

Volvendo ao tema do noso podcast, un século antes que os EE.UU. se erguesen coma a primeira democracia liberal da historia, nun momento onde o absolutismo monárquico era o sistema das principais potencias europeas, os ingleses levantáranse contra o seu rei, Carlos I, ante as súas pretensións de se converter nun monarca absolutista. Iniciouse unha guerra civil, coñecida coma Revolución Inglesa (a primeira das revolucións que seguindo principios liberais estenderánse nos séculos seguintes), que provocou a fin da monarquía e a instauración dunha república presidida por Oliver Cromwell, quen xogara un destacado papel militar na guerra. Sen ser un monarca absoluto, o poder que acumulou Cromwell durante o seu mandato foi moi superior ao que nunca tivo Carlos I.

E por que viaxamos a Inglaterra? Porque restaurada a monarquía, o novo rei, Carlos II, fillo do rei axusticiado, tivo que aceptar o control do Parlamento, tras se aprobar en 1679 o Habeas Corpus,onde se garantía por escrito as liberdades individuais dos ingleses, impendíndoselle á Coroa calquera detención arbitraria. Como vedes, púñase por escrito que as persoas tiñan dereitos, que o monarca debía respectar. Un dos principios ilustrados postos na práctica.

Ante unha nova tentativa por parte do novo rei inglés, Xacobe II, irmán do anterior, de gobernar sen o Parlamento, unido ao conflito relixioso aberto no seu país, que enfrontaba a protestantes contra católicos (a quen apoiaba o rei), o Parlamento inglés ofreceulle o trono ao príncipe holandés Guillerme de Orange, protestante, e Xacobe II viuse na obriga, falto de apoios, de se exiliar en Francia. En 1689, o candidato a rei aceptaba xurar a Declaración de Dereitos (en inglés Bill of Rights), redactado polo Parlamento onde se limitaba o dereito da monarquía (en cuestións de aprobación de impostos, na xestión económica, no poder sobre o exército) e garantía o funcionamento do Parlamento (na liberdade na elección dos seus representantes, na liberdade de palabra dentro do Parlamento ou na frecuencia co que este debería reunirse). Noutras palabras o poder do monarca ficaba limitado. Estamos ante un sistema de monarquía limitada, onde o Parlamento, o poder lexislativo, separa as súas funcións do rei, quen exerce o poder executivo.

Un século máis tarde habitantes das 13 colonias británicas en América do Norte vanse levantar contra o rei inglés, ao que consideran un tirano, de igual xeito que fixeran os ingleses con Carlos I. Os colonos británicos estaban descontentos pola discriminación que sufrían por parte dos habitantes de Inglaterra, tanto desde o punto de vista político coma desde o punto de vista económico. A revolta contra a prohibición do comercio do te á poboación das colonias en 1773, que supuxo o inicio da guerra, non foi máis que o desencadeante final. Unha longa e cruenta guerra prolongouse por máis de 10 anos. Guerra civil, guerra de independencia, mais guerra internacional, polos apoios económicos e militares dados por Francia e España, rivais xeostratéxicos de Gran Bretaña.

Gran Bretaña recoñecería a independencia das colonias en 1783, proclamada polos representantes das 13 colonias en Filadelfia sete anos anos, un 4 de xullo.

Acompáñanos nesta viaxe ao século XVIII:

  • Oe ou descarga o audio do episodio en spreaker:
  • Oe ou descarga o audio do episodio en ivoox.
  • Oe ou descarga o audio do episodio en iTunes.
  • Descarga directa do mp3

Ademais destas plataformas de podcast, quen o así o preferiren, poder ouvir este episodio a través de youtube.

https://www.youtube.com/watch?v=Q0bhMbExz6Q

CRÉDITOS do episodio:

  1. Música da sintonía:  http://audionautix.com/ (The voyage, PennyWhistle, TriumphantReturn).
  2. As músicas de Facemoshistoria:

    https://musopen.org/

    Henry Purcell, Sonata en C maior: https://musopen.org/music/4030/henry-purcell/sonata-in-c-major-z808/

    Henry Purcell, Sonata en D maior:

    https://musopen.org/music/4029/henry-purcell/sonata-in-d-major-z850/

    Himno dos EE.UU.:

    http://www.nationalanthems.info/us.mp3

A imaxe desta entrada cortesía de wikipedia.

About José Antonio Martínez

Deixa un comentario

Previous

#01.04. A Ilustración: luces e sombras

#01.06. A chegada dos Borbóns á península: absolutismo e centralización

Next