Reconquista e repoboación. A construción da idea de España

Escoita o meu podcast

Que entendemos por Reconquista? Que significa que se fale de diversos modelos de repoboación na Península Ibérica durante a Idade Media? Que ten que ver a construción do Estado liberal en España no s. XIX coa idea da Reconquista e Repoboación? Se na Galiza non se pode falar para a Idade Media nin de Reconquista nin de repoboación, é que non forma parte da Historia de España medieval?

Non tes 25 minutos para te achegar aos reinos cristiáns peninsulares na Idade Media? Seguro? Non pasa nada. Aquí te achegamos as conclusións finais do episodio, para que che fagas unha idea do que falamos, mais non perdas a oportunidade viaxar até a Idade Media peninsular, desde onde ti quixeres.

Quédate con estes 7 puntos:

  1. O modelo explicativo do proceso de Reconquista e de repoboación das terras conquistadas polos musulmáns por parte dos reinos cristiáns peninsulares na Idade Media xurdiu no s. XIX, no momento da consolidación do Estado liberal en España. Esta visión da historia medieval, cunha forte carga ideolóxica, pretendía asentar a orixe histórica de España na Idade Media.
  2. A idea de dous blocos perfectamente diferenciados e enfrontados entre si, os reinos cristiáns e o al-Ándalus, non responde ás complexas relacións existentes entres os diferentes reinos peninsulares ao longo de toda a Idade Media. A idea dun plan preconcebido de Reconquista que duraría 8 séculos tampouco ten a súa base na época medieval. A idea mesma da Re-conquista, de recuperar uns territorios, os do reino visigodo, que consideraban de seu e que foran arrebados polo Islam, xorde na corte de Afonso III (case dous séculos depois da conquista islámica).
  3. Se atendemos á explicación tradicional da Reconquista, temos que diferenciar tres etapas ben diferenciadas: unha etapa inicial, que abranguería do s. VIII ao X, onde os reinos peninsulares extenderíanse na zona occidental até o val do Douro e na zona oriental até o val do Ebro. O emirato e o califato aproveitarán as divisións e loitas internas nos reinos cristiáns para afianzar o seu poder na Península Ibérica.
  4. Habería unha segunda etapa, que se extendería entre os séculos XI e XII, onde se produciu o grande avance territorial dos reinos cristiáns. Existe unha grande pluralidade de reinos, sendo o momento en que os imperios norteafricanos de almorábides e almohades van dominar sucesivamente al-Ándalus. 20 anos despois da derrota almohade en Navas de Tolosa, xa temos ao reino de Castela extendendo o seu territorio até o Atlántico e o Mediterráneo, a Portugal chegando ao Algarve, mentres que Aragón inicia a súa expansión polo Mediterráneo.
  5. Habería unha terceira etapa da Reconquista, que abranguería os séculos XIV e XV. O reino de Castela é quen de controlar o estreito de Xibraltar e no 1492 conquistará definitivamente o último dos reinos musulmáns da Península Ibérica, o nazarí de Granada. Pola súa banda, a Coroa de Aragón consolida a súa expansión mediterránea e conquista o reino de Valencia en territorio peninsular.
  6. Unido ao concepto de Reconquista desenvolveuse a idea dunha repoboación dos territorios conquistados en al-Ándalus. Segundo esta teoría existirían uns territorios despoboados, auténticos desertos demográficos, que se concentrarían fundamentalmente no val do Douro, froito da decisión estratéxica dos reinos cristiáns de crear fronteiras naturais e da fuxida da poboación polo medo á conquista musulmá. As excavacións arqueolóxicas e as fontes documentais non ofrecen probas deste despoboamento.
  7. Ao longo da Idade Media peninsular produciuse un proceso de repoboación. Non tería que ver que este pretendido baleiro demográfico froito da invansión musulmán, senón que proceso primeiro de contracción demográfica da Alta Idade Media e a expansión económica da Plena Idade Media. Así existiron diferentes modelos de repoboación, entre os que destacan a presura para os primeiros séculos, as cartas de poboamento, para os séculos centrais da Idade Media, así como as doazóns das que se beneficiaron as ordes militares e os repartimentos baixomedievais que favoreceron a creación de latifundios nobiliares no sur da Península Ibérica.
  8. Na Galiza continuidade social, económica e territorial entre o mundo suevo e visigodo e o resto da Alta Idade Media. Aquí non pode falar nin de Reconquista nin de repoboación, xa que nin houbo ocupación territorial por parte de al-Ándalus nin unha despoboación do territorio.

Recursos (para ler e profundar no tema)

Onde nos escoitar…

Oe ou descarga o audio do episodio en spreaker:

Oe ou descarga o audio do episodio en ivoox.

Oe ou descarga o audio do episodio en iTunes.

Descarga directa do mp3

Ademais destas plataformas de podcast, quen o así o preferiren, poder ouvir este episodio a través da nosa canle en youtube.

E tamén en Spotify!

CRÉDITOS (todas as obras utilizadas utilízanse baixo a licenza Creative Commons, Atribución 3.0): Músicas da sintonía: District Four, de Kevin MacLeod (https://incompetech.com). Temptation March, de Jason Shaw (http://audionatix.com)

Imaxe: Afonso III de Galiza (León ou Asturias),  miniatura do Tumbo A da Catedral de Santiago de Compostela.

About José Antonio Martínez

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Previous

Al-Ándalus: os musulmáns na Península Ibérica

2018: o ano dos podcasts?

Next