Quen foi o conde-duque de Olivares? En que consistiron os proxectos de reforma que tentou levar a cabo durante o reinado de Filipe IV? Por que se produciron en 1640 as rebelións de Cataluña e de Portugal? En que situación ficou a monarquía hispánica a fins do s. XVII?
Non tes 25 minutos para coñecer á única persoa que ten a honra, sen ser os Reis Católicos, de formar parte do título dun primeiros 17 temas da historia de España de 2º de Bacharelato? Non pasa nada. Aquí tes, por escrito, as conclusións finais do episodio. Mais se queres escoitar un pouco máis sobre o que lle aconteceu a Olivares, que é un valido, por que 1640 foi o seu “annus horribilis”, e en que situación ficou a monarquía hispánica na fin do reinado de Filipe IV, non perdas a oportunidade viaxar até ao século XVII, desde onde ti quixeres.
Quédate con estes 8 puntos:
- O reinado de Filipe IV (1621-1665) estivo marcado na súa primeira primeira metade pola elección de Gaspar de Guzmán, conde-duque de Olivares, coma valido do rei, é dicir, unha persoa da súa confianza a quen deixou a dirección do reino.
- A acción de goberno de Olivares estivo marcada polos proxectos de reforma. Os seus obxectivos eran manter a hexemonía política da monarquía hispánica en Europa e asegurar os recursos económicos para que isto fose posible. Era preciso contar unha administración máis eficaz e fomentar a economía, polo que tentou impulsar un programa económico de carácter mercantilista, reducindo os gastos (unha política de austeridade), propoñendo unha reforma fiscal e monetaria, así como fomentando as actividades económicas (agricultura, comercio e industria), ao promover o establecemento de consulados e compañías comerciais, ademais de facilitar o crédito.
- En 1624 Olivares presenta a Filipe IV o Gran Memorial ou Instrución Segreda, un programa de reformas que busca, en primeiro lugar, reforzar o poder real apartando os grandes do poder e fomentando a rivalidade entre estamentos e dentro deles, e en segundo: modificar a estrutura dos reinos hispánicos, na busca dunha uniformación das leis, así como establecendo unha mesma politica fiscal (en materia de impostos). No fondo era impor as leis de Castela ao resto dos reinos, porque estas eran as que outorgaban maior poder ao rei.
- A Unión de Armas (1626) é un proxecto político onde se propuña a cración dun exército permanente da Coroa, formado por 140.000 soldados achegados e sostisdos polos distintos reinos hispánicos, de xeito proporcional en función da súa poboación e riqueza. Esta proposta de Olivares, que incidía na uniformación lexislativa dos reinos hispánicos, suscitou unha forte oposición nos outros reinos, como se ve nas rebelións de Cataluña e Portugal, mais tamén en Castela, coa oposición das cidades castelás e dun sector da vella nobreza.
- En 1640 vaise producir unha rebelión en Cataluña. Xorde no marco da guerra franco-española, e do levantamento popular contra a opresión que provocaban o aloxamento dos terzos, así como contra a forte presión fiscal que provocaban os gastos da guerra. O levantamento foi moi violento, chegándose a producir a morte do vicerrei, a expulsión dos cargos da Coroa e a expulsión das tropas. Olivares enviou o exército para derrotar a rebelión, aproveitando para modificar os privilexios forais de Cataluña. A Generalitat, pola súa banda, solicitou axuda a Francia, proclamando ao monarca francés, Luís XIII, coma conde de Barcelona. A duración da guerra, os abusos do exército francés, a división dos sublevados, fixeron que en 1652 Cataluña se reincorporase á monarquía hispánica, tras ratificar Filipe IV os privilexios forais de Cataluña.
- En 1640 triunfa un levamento en Portugal contra Filipe IV, encabezado polo duque de Bragança, que vai derivar na independencia definitiva do reino luso en 1668. O descontento fronte o aumnento dos impostos, a política de castelanización levada a cabo por Olivares, as perdas que se estaban a producir nos territorios coloniais portugueses no Índico, e o proxecto de Unión de Armas, coa participación de homes e diñeiro no conflito de Cataluña, son as principais causas da orixe da guerra que permitirá a independencia portuguesa.
- O reinado de Filipe IV marca a fin da hexemonía da monarquía hispánica en Europa. Crise económica e social, o fracaso das reformas de Olivares, as perdas territoriais, abren un novo período político no continente como fica reflectido na Paz de Westfalia de 1649.
- O Conde-Duque de Olivares perdeu a confianza do rei e foi apartado do gobeno en 1643. Non contou nin con os apoios precisos nin cunha coxuntura econonómica e política propicia para levar a bo termo os seus procesos reformistas. Algunhas das súas ideas serán retomadas no s. XVIII polos monarcas borbóns.
Recursos (para ler e profundar no tema)
Aquí tes o que máis demandas, unhas grandes redaccións deste tema para poder preparar a proba ABAU de Historia de España de 2º de Bach: a primeira, a segunda, a terceira, e como non, unha cuarta. Grazas ao profesorado galego de Historia que comparte o seu traballo na rede.
John H. Elliot é un historiador británico, especialista da Idade Moderna, en especial da monarquía hispánica. Moi recoñecido internacionalmente, gañador do Premio Príncipe de Asturias en 1996, este hispanista é o autor da obra máis destaca sobre o valido que nos acompañou neste episodio El Conde-Duque de Olivares. Aquí vos aportamos unha entrevista que lle fixeron no xornal El País. Se non queredes ler o libro, ou queredes profundar na súa lectura en outro momento, aquí vos traemos unha crítica desta obra.
Onde nos escoitar…
- Oe ou descarga o audio do episodio en spreaker.
- Oe ou descarga o audio do episodio en ivoox.
- Oe ou descarga o audio do episodio en Apple Podcast.
- Descarga directa do mp3
- Ademais destas plataformas de podcast, quen o así o preferiren, poder ouvir este episodio a través da nosa canle en Youtube.
- E tamén en Spotify.
- E non terás na túa casa un deses altofalantes “intelixentes”. Pois pídelle que che poña Historia Take Away e aí nos poderás tamén escoitar, porque estamos en TuneIn. Xa nin móbil precisas!
CRÉDITOS (todas as obras utilizadas utilízanse baixo a licenza Creative Commons, Atribución 3.0):
Músicas:
- Sintonía: District Four, de Kevin MacLeod (https://incompetech.com). Temptation March, de Jason Shaw (http://audionatix.com)
Imaxe:
Gaspar de Guzmán, conde-duque de Olivares, a cabalo (c.1634), de Diego Velázquez, exposto no Museo do Prado (Madrid).