Que mudanzas están detrás da aparición do Neolítico?
É correcto utilizar a expresión Revolución Neolítica?
Por que se produciron estas transformacións?
Estánse a producir novos avances na interpretación deste período histórico?
Moitas son as preguntas que se realizan neste episodio, e moitas son as respostas que seguen abertas, ou que están en constante actualización. Dedicamos un episodio á chegada do Neolítico á Península Ibérica, mais neste queremos profundar nas transformacións, nas mudanzas que este período histórico trouxo consigo.
As transformacións. Moito máis que pedra e cerámica
Foi John Lubbock (do que aínda non temos ningunha entrada na wikipedia en galego), quen acuñou en 1865 por primeira vez o termo Neolítico. Facía referencia a un novo xeito de traballar as ferramentas na Prehistoria, que el podía observar a través das descubertas arqueolóxicas da súa época: a aparición da pedra pulimentada, propia deste Neolítico, que sería unha mellora tecnolóxica fronte ao instrumental de pedra tallada propia do Paleolítico. Xunta a esta novidade, produciríase tamén a invención da cerámica, co que o avance tecnolóxico aínda sería maior, o que lle permite falar dunha nova idade para a Prehistoria: o Neolítico.
Mais a aparición do Neolítico, a NEOLITIZACIÓN das sociedades, é moito máis que a existencia dunha mellora tecnolóxica.
A Neolitización suporía o paso dunha economía depredadora, dependente en exclusiva do aproveitamento dos recursos naturais, coa caza e a recolleita coma principais actividades económicas, a unha economía produtora.
O Neolítico é o período da historia onde se adopta un sistema económico baseado na agricultura e na gandaría, así como a vida sedentaria nas aldeas.
Condensamos en 5 puntos as transformacións que se deron para considerarmos a un determinado grupo humano coma neolítico. CINCO.
- A primeira é a aparición da agricultura e da gandaría. O cultivo da terra e a domesticación, que poden aparecer unidas ou non. E co desenvolvemento destas actividades económicas aparecía vinculado a acumulación de excedentes alimentarios (o que para as e os estudosos xa falaría de que eran sociedades cunha previsión de futuro, AFORRAN para o que puider vir).
- A segunda gran mudanza é a tendencia destes grupos ao sedimentarismo, creándose, finalmente, poboados estables.
- E a poboación medraría. O crecemento demográfico é a terceira gran transformación, vinculada tamén ás novas actividades económicas.
- Como cuarto cambio tamén contamos con mudanzas na organización social, falándose xa da aparición de desigualdades sociais.
- E Finalmente, poderiamos falar do xurdimento de novas formas de comportamento relixioso, como o que xa coñecedes do Megalitismo.
Houbo de verdade unha Revolución Neolítica?
Depende. E non é unha resposta tópica. O termo coñecerédelo. Foi un australiano, Vere Gordon Childe, quen o acuñou, con tanto éxito que aínda se conserva nos manuais da ESO. Mais depende que entendamos por revolución, e se iso que nós entendemos ten que ver co que pensaba Childe e co que se acepta hoxe entre as/os arqueólogas e prehistoriadores/as. Xa vos avanzo que si se produciron transformacións que, cando menos, temos que tratalas coma revolucionarias, mais non no sentido estrito do que falaba Childe. Queredes saber máis? Pois tédelo neste episodio.
A historia avanza que é unha barbaridade: hipóteses e teorías
Moito do que se entendía propio e característico do Neolítico, fronte o Paleolítico e períodos posteriores, está a ser reconsiderado. A aparición da agricultura e da gandería, o xurdimento da cerámica, que marcaban a fronteira entre as sociedades neolíticas e as anteriores, está a ser reavaliado como resultado das novas descubertas arqueolóxicas e dos estudos de restos de ADN.
E se xa se pon en cuestión características do Neolítico, que podemos dicir dos por que, das causas que explican a súa aparición?
Son moitas as teorías, algunhas que ficaron en simples hipóteses, que buscan dar resposta a por que xurdiu o Neolítico. Desde causas de orde climática, entre a que se atopa seguramente a máis divulgada e coñecida, a teoría do oasis, a causas ecolóxicas, demográficas, sociais, culturais, etc. Son moitas e no episodio facemos unha breve presentación, que nos permita ter unha perspectiva global sobre este tema e que nos aclare por que ningunha dela se entende coma definitiva.
A singularidade do Neolítico
O que acontece co Neolítico é REVOLUCIONARIO. Non foi unha revolución brusca, total, radical, concentrada no tempo, como defendía Gordon Childe. Mais a importancia do cambio cultural, que se concretou na aparición da economía produtora, na sedentarización das comunidades humanas, no aumento demográfico, nas transformacións sociais e nos novos comportamentos relixiosos, constitúen un proceso REVOLUCIONARIO que non terá equivalente até o que aconteza no s. XVIII vinculado á Revolución Industrial, Agrícola, Urbana, dos Transportes e Política.
Onde nos escoitar?
- Oe ou descarga o audio do episodio en spreaker.
- Oe ou descarga o audio do episodio en ivoox.
- Oe ou descarga o audio do episodio en Apple Podcast.
- Descarga directa do mp3
- Ademais destas plataformas de podcast, quen o así o preferiren, poder ouvir este episodio a través da nosa canle en Youtube.
- E tamén en Spotify.
- E non terás na túa casa un deses altofalantes “intelixentes”. Pois pídelle que che poña Historia Take Away e aí nos poderás tamén escoitar, porque estamos en TuneIn. Xa nin móbil precisas!
Créditos(todas as obras utilizadas utilízanse baixo a licenza Creative Commons, Atribución 3.0)
- Músicas da sintonía: District Four, de Kevin MacLeod (https://incompetech.com). Temptation March, de Jason Shaw (http://audionatix.com)
- Imaxe: Petróglifo, Mogor (Marín), fotografía de AdelaVV.