Monarquía feudal e sociedade estamental

Escoita o meu podcast

En que consiste a monarquía feudal? Que teñen de diferente estes reis feudais fronte a outros ao longo da historia? Por que se di que a sociedade feudal é estamental? Que funcións tiñan os diferentes grupos sociais na época feudal? Non tes 25 minutos para te achegar aos reinos cristiáns peninsulares na Idade Media? Seguro? Non pasa nada. Aquí te achegamos as conclusións finais do episodio, para que che fagas unha idea do que falamos, mais non perdas a oportunidade viaxar até a Idade Media peninsular, desde onde ti quixeres.


Quédate con estes 9 puntos:

  1. As monarquías feudais aparecen nos séculos IX e X, consolidándose entre o XI e o XII. Cunha orixe no Imperio Carolinxio, o desenvolvemento destas monarquías nos reinos cristiáns peninsulares da Idade Media van ter características propias.
  2. As monarquías feudais son a constatación do debilitamento do poder do rei, en contraposición co fortalecemento do poder da nobreza laica e eclesiástica. Os reis precisan da nobreza para se manter no trono, apoio que conseguen grazas á CONCESIÓN DE TERRAS (feudo). En contrapartida, a nobreza ofrecíalle un servizo: asegurar a súa defensa.
  3. Os reinos feudais son tratados coma patrimonio persoal, particular e hereditario do rei. Até o s. XIII non se entenderá o territorio dun reino coma un patrimonio inalleable.
  4. O rei feudal ten un poder limitado. Ten que respectar os foros dos reino, sendo ademais considerado como un primus inter pares co resto da nobreza, o que xustifica as continuas loitas entre a nobreza e a coroa neste período.
  5. As relacións persoais de vasalaxe son a base do poder. A concesión dun territorio (feudo) en troca dun servizo (protección) é o que sustenta o poder. A igrexa xogará o papel de leximitar ideolóxicamente este sistema.
  6. Nos territorios das monarquías feudais NON VAI EXISTIR ÚNICO PODER CENTRALIZADO. Existe unha fragmentación da autoridade entre os reis e os diferentes señores. Nos reinos cristiáns peninsulares, estes territorios onde reis, nobreza e clero van exercer o seu poder denomínanse señoríos. Existirán tres tipos, dependendo quen fose o señor: O de reguengo, dependentes directamente do rei, o nobiliario e o eclesiástico.
  7. Na época feudal a sociedade era estamental, é dicir, a poboación estaba agrupada en estamentos, grupos sociais pechados aos que se accedía por nacemento, onde a mobilidade social era escasa. Existían os estamentos privilexiados: nobreza e clero, e os non privilexiados, conformada maioritariamente por campesiñado.
  8. Todas as relacións sociais xiraban arredor da posesión da terra. Nunha sociedade eminentemente rural, xeralizouse o sistema de encomendación: os pequenos propietarios rurais que entregaron a totalidade ou parte das súas terras a un señor, quen en troca dun pagamento (censo), garantíalle a súa protección. Xunto as rendas pola posesión da terra, mesturábanse os pagamentos e servizos pola función xurisdicional dos señores.
  9. A partir do s. XII comezaron a aparecer novos grupos sociais co desenvolvemento urbano. Existiron, así mesmo, minorías relixiosas (xudeus e mudéxares), grupos á marxe do sistema. Por outra banda, as mulleres, entre as que atopamos grandes diferenzas segundo o estamento ao que pertenzan, tiveron en común o seu papel subordinado respecto do home.

Recursos (para ler e profundar no tema)


  • Nunha rápida visita por internet podemos atopar resumos do tema ou esquemas coma este.
  • Falamos da Marca Hispánica, que é un dos conceptos obrigatorios para as probas ABAU de Historia de España de 2º de Bacharelato. Queres saber onde estaba? Pois aquí tes o artigo da wikipedia.
  • Sabes un pouco de inglés? Queres profundar un pouco sobre a historia do concepto de feudalismo? Aquí tes un pequeno documento, interesante e ben escrito.
  • E as mulleres? Cal foi a súa situación dentro da sociedade medieval? Goza co volume de Historia das Mulleres en Galicia: A Idade Media, escrito por Carmen Pallares Méndez.

Onde nos escoitar…


  • 
Oe ou descarga o audio do episodio en spreaker.
  • Oe ou descarga o audio do episodio en ivoox.

  • Oe ou descarga o audio do episodio en Apple Podcast.

  • Descarga directa do mp3

Ademais destas plataformas de podcast, quen o así o preferiren, poder ouvir este episodio a través da nosa canle en youtube.
 E tamén en Spotify!


CRÉDITOS (todas as obras utilizadas utilízanse baixo a licenza Creative Commons, Atribución 3.0):

About José Antonio Martínez

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Previous

2018: o ano dos podcasts?

As crises baixomedievais

Next