Cales eran as principais actividades económicas na Galiza dos séculos XVI e XVII?
Que transformacións de deron na agricultura?
Por que a pesca tivo tanta importancia na Galiza deste período?
Que significa que a sociedade galega estaba articulada arredor da renda?
A estas e outras preguntas imos tentar dar resposta neste episodio.
En menos de 20 minutos podes achegarte aos principais sectores económicos da Galiza do Antigo Réxime, asi como ás particularidades da súa organización social. Que non che apetece? Non pasa nada, déixoche, por escrito os principais aspectos deste tema. Mais non perdas a oportunidade de viaxar até os tempos dos Austria, aquí, nosa terra, desde onde ti quixeres.
Quédate con estes 7 puntos:
- Galiza, con máis do 80% de poboación rural, presenta durante o Antigo Réxime unha economía fundamentalmente agraria. Presenta unha agricultura de subsistencia, centrada no cultivo de cerais (trigo e centeo), que alternan con terras en barbeito. Non son os únicos cultivos: tamén cultívase viño, hai gandaría (aínda que se consome) pouca carne. Como é propia dunha agricultura de subsistencia, presenta un uso moi escaso de fertilizantes.
- Foron repetidas as crises de subsistencia a partir da 2ª metade do s.XVI, debido ás malas colleitas, a fame e a peste, o que provocou un descenso de poboación, especialmente moi acusado, na nosa terra, nas crises de 1633 a 1636. Isto vai provocar transformacións na agricultura, xa no propio s. XVII, coa introdución de novos cultivos, primeiro o millo, e posteriormente a pataca, que van ir avanzando da costa cara ao interior. Deste xeito, diminúe a a terra dedicada ao barbeito, aumenta a produción, e con isto, aumenta a poboación, anticipándose ao que despois vai acontecer no resto de Europa.
- A pesca vai xogar un papel moi importante na economía galega destes séculos. O peixe vai ser un complemento da dieta fundamental, como entenderás, nas poboacións costeiras. Destaca especialmente a pesca litoral, centrada na sardiña, así como a salgadura de peixe nas vilas de ribeira que se desenvolven. Tamén cómpre mencionar a pesca de altura, como é o caso do bacallau de Terranova, que será vendido nos mercados de Castela.
- A Galiza dos séculos dos Austria é unha sociedade campesiña que se articula arredor da renda. O traballo do campesiñado xenera unhas rendas que sosteñen economicamente os grupos dominantes: clero, alta nobreza e fidalguía. As principais rendas son as que derivan dos contratos agrarios, polo cultivo da terra, xa sexan foros, arrendamentos ou parcerías. Mais a outra grande renda é o décimo, que todo o campesiñado ten que pagar á Igrexa.
- Galiza é unha sociedade rural, con cidades moi pequenas, destacando unicamente Santiago, coma centro relixioso, A Coruña, por ter a administración do reino, e Pontevedra, polo peso da pesca. As actividades propiamente urbanas, artesanía e comercio, eran moi escasas, non sendo unha alternativa económica para o campesiño, que só tiña coma alternativa real a emigración, tanto a América, Portugal, coma por traballo temporeiro agrícola a Castela.
- Entre os grupos privilexiados, a Igrexa mantén o seu protagonismo político e ideolóxico, sendo os principais propietarios de terra. A alta nobreza presenta un forte absentismo, desprazándose cara á Corte onde vai a ocupar cargos desde o reinado de Carlos V. É por isto que será a FIDALGUÍA, esa pequena e mediana nobreza, a que se converta no grupo social dominante, fundamentalmente a través do seu controldas rendas agrarias, en especial co control do cobro dos foros. Presente en todo o territorio, e co control dos concellos, a fidalguía medrará en poder e riqueza durante todo o s. XVII, como podemos ver coa construción de pazos e igrexas barrocas.
- Malia ser considerados coma “Séculos Escuros” pola historiografía tradicional, Galiza conseguiu manter a personalidade dun reino unitario durante os séculos XVI e XVII. As Xuntas do Reino de Galiza, unha asemblea que agrupaba os representantes de cabeceira de provincia, funcionou desde o s. XVI actuando como intermediario das peticións do Reino coa Coroa, nun reino onde o señorío eclesiástico e nobiliar era o que dominaba. A Coroa, pola súa banda, reforzou a figura do Capitán Xeneral e da Real Audiencia para estender a súa presenza no Reino.
Recursos (para ler e profundar no tema)
- Aquí tes, sacados de internet, variadas, mais todas moi válidas, respostas escritas ao tema que nos ocupa, A economía e sociedade na época dos Austria. Comezo por faespana, onde atoparades o tema perfectamente estruturado. Tedes outra versión no blog Pasado e Presente, cunha exposición máis ampla dos contidos (así tedes onde elixir). Como outras veces, recoméndovos que miredes o tema elaborado polo profesor Humberto Martínez Gargamala. E unha última, perfectamente elaborada, polo profesorado de historia do IES Sánchez Cantón
- A exposición, que tivo lugar este ano, e que aínda estaría aberta de non ser polo COVID-19, “Galicia, un relato no mundo“, permítenos falar sobre a alta nobreza galega do s. XVII. Podedes ler unha nova do xornal ABC.
Onde nos escoitar…
- Oe ou descarga o audio do episodio en spreaker.
- Oe ou descarga o audio do episodio en ivoox.
- Oe ou descarga o audio do episodio en Apple Podcast.
- Ademais destas plataformas de podcast, quen o así o preferiren, poder ouvir este episodio a través da nosa canle en Youtube.
- E tamén en Spotify.
- E non terás na túa casa un deses altofalantes “intelixentes”. Pois pídelle que che poña Historia Take Away e aí nos poderás tamén escoitar, porque estamos en TuneIn. Xa nin móbil precisas!
CRÉDITOS (todas as obras utilizadas utilízanse baixo a licenza Creative Commons, Atribución 3.0):
Músicas
- Sintonía: District Four, de Kevin MacLeod (https://incompetech.com). Temptation March, de Jason Shaw (http://audionatix.com)
Imaxe:
- Descrición do Reino de Galiza, de Fernando de Ojea (1603)