Claude Monet e “Impresión, sol nacente”

Listen to “Claude Monet. Impresión, sol nacente.” on Spreaker.

Impresión, Sol Nacente: o nacemento do Impresionismo

O 15 de abril de 1874 marcou un antes e un despois na historia da arte coa inauguración en París dunha exposición organizada por un grupo de artistas independentes. Este evento, que tivo lugar no taller do fotógrafo Félix Nadar, sentou as bases do que coñecemos como Impresionismo.

A Ruptura co Salón Oficial

Para os artistas da época, era fundamental que as súas obras fosen escolleitas para participar no Salón oficial controlado pola Academia de Belas Artes francesa. Era opter recoñecemento e poder entrar no mercado da arte. En 1863, unhas 4000 obras foron rexeitadas, o que levou a Napoleón III a organizar o “Salón dos Rexeitados“, onde artistas con criterios estéticos afastados da liña oficial puideron mostrar as súas creacións ao público.

Un grupo de artistas independentes, que incluían nomes como Manet, Cézanne, Pissarro ou Degas (algúns dos cales xa participaran no Salón dos Rexeitados), decidiron dar un paso máis alá e organizar a súa propia exposición fóra dos canais oficiais. Esta mostra contou con máis de 165 obras de 30 artistas diferentes.

“Impresión, Sol Nacente”: O nacemento dun movemento

O termo “impresionismo” xurdiu da crítica á obra Impresión, sol nacente de Claude Monet, que é o foco principal deste artigo. Esta exposición de 1874 e a reacción que xerou marcaron o inicio dun movemento que buscaba romper coas normas tradicionais da pintura e explorar novas formas de representar a luz, o movemento e a vida cotiá.

A primeira exposición impresionista non foi un éxito rotundo en termos de público, con aproximadamente 3500 visitantes fronte aos 300.000 do Salón Oficial dese mesmo ano. Mais foi na crítica onde a exposición xerou máis controversia. Os críticos arremeteron contra todo aquilo que rompía coa estética tradicional e oficial, precisamente o que estes pintores buscaban.

O crítico Louis Leroy ironizou sobre a obra de Monet, Impresión, Sol Nacente, no xornal Le Charivari, bautizando ao grupo como “A Exposición dos Impresionistas”. Leroy chegou a afirmar que “un papel de parede na sua primeira fase de produción está máis rematada” que a pintura de Monet.

Monet non foi o único ridiculizado; tamén Cézanne e Berthe Morisot, cuxa obra “O Berce” foi criticada tanto por aspectos pictóricos como polos preconceitos por ser muller e adoptar un estilo rupturista.

Aínda que economicamente foi un fracaso inicial, os impresionistas perseveraron, organizando unha segunda exposición en 1876. Foi na década de 1880 cando o estilo comezou a triunfar e consolidarse, grazas en parte ao apoio de coleccionistas estadounidenses.

As características do Impresionismo

Esta obra presenta as principais características do Impresionismo. Para comprender este movemento, é esencial considerar os avances científicos e culturais da época, como a Teoría da cor de Chevreul, as melloras na calidade dos pigmentos, a aparición do ferrocarril, os avances da fotografía e a influencia da cultura xaponesa.

Analizando o cadro, de pequeno formato e realizado en óleo sobre lenzo, vemos unha paisaxe mariña co porto industrial de L’Havre ao amencer, cuberto pola néboa.

  • O tema como pretexto: A paisaxe é un pretexto para o verdadeiro interese de Monet e dos impresionistas: captar a luz e os seus efectos (brillos, reflexos e fenómenos atmosféricos).
  • Ruptura coa tradición: O cadro deixa de ser unha “xanela aberta á realidade” e convértese nun ente autónomo onde a natureza é só un punto de partida.
  • Pintura rápida: A necesidade de captar a luz fugaz do amencer levou a unha pintura rápida (bosquexo).
  • Pincelada solta: Empregan unha técnica de pincelada solta e variada para buscar o reflexo e a vibración da luz.
  • Pintura ao aire libre: Os impresionistas traballaban ao aire libre para captar a sensación do momento.
  • Renuncia ao negro e uso de cores: Abandonan o negro, coloreando as sombras con tons fríos mesturados cos complementarios. Aplican a Lei do contraste simultáneo para intensificar as cores e abandonar o claroscuro.
  • Prioridade da cor sobre o debuxo: O debuxo desaparece, e as formas convértense en manchas, requirindo que o espectador complete a composición.
  • Menor importancia da composición: A composición ten unha menor relevancia, con posibles referencias fotográficas no encadre.

A pintura de Monet e o movemento impresionista supuxeron unha ruptura co sistema perceptivo e representativo tradicional, servindo de base para as posteriores revolucións da pintura postimpresionista e vangardista.

Créditos

Todas as obras utilizadas distribúense baixo a licenza Creative Commons:

Música da sintonía:

  • http://audionautix.com/ (The voyage, PennyWhistle, TriumphantReturn).

Músicas do episodio:

  • A mar, de Claude Debussy, CC BY-NC.4.0.

Imaxe:

Deixa un comentario