Cezanne. “Natureza morta” e “Os xogadores de cartas”

Listen to “Paul Cezanne. Natureza Morta e Os xogadores de cartas” on Spreaker.

Ímonos de viaxe, con este novo episodio de Historia Take Away, da man de Paul Cézanne, considerado por algúns como o “pai da pintura contemporánea”. Deste xeito, continuamos a nosa serie dedicada á Historia da Arte Contemporánea, seguindo a guía do grupo de Historia da Arte da CIUG. Hoxe temos un 2×1 moi especial, con dous exemplos da xenialidade deste artista que marcou un antes e un despois na historia da arte.

Do Impresionismo ao postimpresionismo

Con Cézanne inauguramos o período artístico coñecido como postimpresionismo. É importante entender que máis que un movemento, o Postimpresionismo caracterízase por artistas que tentan ir alén do Impresionismo, cada un coas súas particularidades e un estilo moi persoal. O que teñen en común estes artistas é a intención de superar as propostas do Impresionismo, buscando unha expresión máis ambiciosa da luz e da cor. Con eles, ráchase definitivamente coa tradición da pintura occidental, experimentando novas formas de representación visual que anticiparán o que veremos coas Vangardas do século XX.

Unha vida entre a burguesía e a ruptura artística

Paul Cézanne viviu entre 1839 e 1906. Aínda que contemporáneo dos impresionistas como Manet e Monet, Cézanne foi un artista solitario que non creou ningunha escola ou estilo. Naceu nunha familia acomodada, o que lle proporcionou estabilidade económica para abandonar os seus estudos de Dereito e dedicarse á pintura. Aínda que o seu pai inicialmente se opuxo á súa vocación, o seu apoio financeiro foi crucial para a súa formación en París, onde estudou e visitou o Museo do Louvre, inspirándose en pintores como Caravaggio e Velázquez.

Entre 1870 e 1878, Cézanne estivo vinculado ao grupo impresionista, participando incluso na súa primeira exposición en 1874. Con todo, acabou por desvincularse, desenvolvendo solucións pictóricas moi diferentes. A súa técnica era oposta á fluidez e espontaneidade impresionista: Cézanne era un artista lento e metódico, que estudaba concienzudamente cada pincelada, buscando construír as formas e o volume dos obxectos con pinceladas de cor distribuídas por toda a tela. Mentres os impresionistas desfacían as formas coa luz, Cézanne facía o contrario. A súa técnica era rotunda, case escultórica.

Natureza morta con tarteira (1879-1882)

  • O tema é un bodegón, un pretexto para a investigación pictórica, buscando acadar a forma a través da cor. “Cando a cor alcanza a súa maior riqueza, entón a forma alcanza a súa plenitude”.
  • A composición é perfectamente equilibrada, con distorsións na perspectiva para que todo se vise perfectamente, empregando dúas perspectivas: a alzada e a frontal. Non lle interesa a perspectiva xeométrica nin a sensación de espazo, senón transmitir solidez e volume.
  • A cor é a protagonista, aplicada en trazos diagonais e paralelos, cunha paleta rica e cálida onde os tons de luz e sombra se conseguen coa modulación cromática. Suxire volume nas froitas xustapondo planos de diferentes cores, sen usar sombras nin degradados.
  • Emprega liñas escuras non uniformes para definir os contornos.
  • Destaca o tratamento bidimensional e a ruptura da perspectiva tradicional, o que para moitos o converte no pai da arte moderna, sendo referente para movementos como o cubismo. Buscaba captar a esencia estrutural dos obxectos a través da cor e a forma.

Os xogadores de cartas (1890-1895)

  • Cézanne realizou cinco versións desta obra, sendo a última a que analizamos, como exemplo da súa plenitude artística. A repetición do tema permitiulle experimentar para lograr unha representación máis equilibrada e esencial.
  • O tema é costumista, centrado na simplicidade e na concentración dos xogadores, que aparecen como arquetipos atemporais máis que como retratos.
  • A pincelada é solta pero controlada, con aplicacións de cor en capas que constrúen as formas mediante manchas.
  • A obra revela a busca da estrutura por medio de formas xeométricas simplificadas: corpos cilíndricos, brazos como cilindros, botellas cilíndricas e chapeus como troncos de cono. Cézanne afirmaba que “todo na natureza está modelado segundo a esfera, o cilindro e o cono”.
  • Esta obra tivo unha grande influencia na transición cara ao cubismo, pola súa maneira de fragmentar e reconstruír o espazo pictórico.
  • A composición é equilibrada e estruturada, con figuras dispostas coidadosamente, aínda que cunha certa asimetría. A disposición crea diagonais e puntos de tensión nas mans e as cartas. Distorsiona a perspectiva para obter o máximo grao de centralidade.
  • Usa unha paleta cromática cálida e terrosa, con contrastes de cores que intensifican a idea de confrontación. A cor modela as formas, prescindindo do debuxo tradicional, con transicións cromáticas suaves que reforzan a profundidade.

Un novo estilo persoal e transcendental

Como podemos ver nestas dúas obras, Paul Cézanne aportou un novo estilo, moi persoal e diferente, anticipando as vangardas do século XX. A súa preocupación pola forma, a cor e a estrutura dos obxectos sentaron as bases para a arte moderna, influenciando a xeracións de artistas posteriores. Esperamos que esta inmersión no universo de Cézanne vos permita apreciar a súa xenialidade e comprender por que é considerado unha figura clave na historia da arte. Até o próximo episodio de Historia Take Away!

Créditos

Todas as obras utilizadas distribúense baixo a licenza Creative Commons:

Música da sintonía:

  • http://audionautix.com/ (The voyage, PennyWhistle, TriumphantReturn).

Músicas do episodio:

  • Tanhausser, de Richard Wagner, Public Domain Mark 1.0 Universal,
  • O holandés errante, de Richard Wagner, Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported

Imaxe:

  • Os xogadores de cartas, de Paul Cézanne. Wikipedia.

Deixa un comentario