
O mundo mudou no s. XIX. Asistimos a unha verdadeira revolución en todos os eidos: demográfica, agrícola, industrial, política, de transportes, etc. Nada volverá ser o mesmo. E o planeta vai ser repartido, colonizado, entre as principais potencias mundiais, na súa práctica totalidade europeas. África e Asia, coas súas singularidades, van vivir/sufrir esta transformación radical, coa particularidade de vir imposta desde o exterior. Convértense en sociedades e economías dependentes, minusvaloradas no cultural até o punto de se cuestionar a propia identidade. A civilización do mundo foi a imposición da cultura europea, onde os intereses económicos primaron sobre calquera outro. Non eramos negros, eramos só persoas, conta Shirley Campbell Bar. As consecuencias do Imperalismo colonial foron múltiples e chegan até os nosos días. Collamos un mapamundi e acheguémonos aos desequilibrios Norte-Sur, ao Terceiro Mundo.
Entre fins do 1884 e principios de 1885 os principais países europeos máis os EE.UU. reuníronse en Berlín. O obxectivo, nas palabras do organizador, Otto Von Bismark, chanceler de Alemaña, era promover a civilización dos africanos, abrindo o interior do continente ao comercio. Mais o que alí aconteceu foi a repartición dun continente, África, entre as principais potencias europeas. Para Asia non houbo unha conferencia xeral, mais a división e repartición entre os países europeos tamén tivo lugar.



