Al-Ándalus: os musulmáns na Península Ibérica

Como se produciu a chegada do Islam á Península Ibérica? En cantas etapas poderiamos dividir a historia de Al-Ándalus? Por que se di que Al-Ándalus chegou a ser un referente político, económico e cultural na Europa occidental na Idade Media? Foi Galiza ocupada polos musulmáns?
Non tes 25 minutos para te achegar ao al-Ándalus? Seguro? Non pasa nada. Aquí te achegamos as conclusións finais do episodio, para que che fagas unha idea do que falamos, mais non perdas a oportunidade viaxar até a Idade Media peninsular, desde onde ti quixeres.

  1. A conquista islámica da Península Ibérica foi moi rápida. En catro anos, do 711-715, dominaron o territorio e fixeron desaparecer o reino visigodo. Isto foi posible pola desintegración da monarquía visigoda froito das sucesivas guerras civís, o apoio dunha parte da nobreza visigoda levantada contra o rei, o desinterese ou o apoio de grande parte da poboación peninsular, cansa da explotación e dos altos impostos que tiñan que pagar; e por último, a habilidade á hora de establecer pactos coas elites locais, garantíndolles autonomía e as súas posesións, así como a súa política de tolerancia relixiosa.
  2. Os musulmáns ocuparon a práctica totalidada da Península Ibérica, a excepción da Gallaecia romana (o territorio do reino suevo da Galiza) e os montes bascos e algunha zona montañosa da cordilleira cantábrica.
  3. A evolución política de Al-Ándalus pode divirse en tres momentes: até o s. XI, os s. XI e XII e do s. XIII, en concreto da derrota das Navas de Tolosa (1212) até a desaparición do reino nazarí de Granada en 1492.
  4. Durante o Emirato depedente de Damasco púxose fin á expansión territorial coa derrota en Poitiers fronte aos francos (732), procedeuse ao inicio da explotación da Península Ibérica e tívose que facer fronte á sublevación dos bereberes ao non ficar satisfeitos da súa posición económica, política e social despois da conquista.
  5. A chegada de Abd al-Rahmán III no ano 929 supón o inicio do Emirato independente de Cordóba. Impón o seu poder no Al-Ándalus e en toda a Península Ibérica. Farase fronte ás incursións de normandos e viquingos e xurdirán os primeiros problemas coa poboación mozárabe.
  6. O s. X é o período de maior explendor político e económico do Al-Ándalus: o califato cordobés. Faise independente política e relixiosamente do Imperio Islámico, eríxese coma a principal potencia política e económica da Europa occidental, intervindo nos asuntos internos dos reinos cristiáns. A principios do s. XI non se poderá manter a pacificación interior e os distintos enfrontamentos levarán a división do califato en pequenos reinos ou taifas.
  7. Os s. XI e XII virán marcados polo dominio de imperios norteafricanos sobre Al-Ándalus: almorábides e almohades. A presión militar dos reinos cristiáns fará que os reis musulmáns se vexan na necesidade de pedir o seu apoio militar. A falta de respaldo social entre a maioría da poboación hispanomusulmá e as derrotas militares levarán ao fin da presenza de ambos pobos na península. Os reinos cristiáns acabarán por aproveitar a división e os enfrontamentos entre os diferentes reinos de taifas, só sobrevivindo o reino nazarí de Granada até o 1492.
  8. A economía de Al-Ándalus era esencialmente urbana. As cidades eran centros comerciais e artesanais. Viviuse unha grande actividade monetaria, froito do desenvolvemento comercial que uniu Al-Ándalus con Europa, o norte de África e oriente (Bizancio e Asia). Tamén, destacou a agricultura de regadío e a produción artesanal.
  9. A sociedade hispanomusulmá foi heteroxénea. Podemos distinguir dous grandes grupos: os musulmáns e as xentes do libro (cristiáns e xudeus). Entre os musulmáns destacan os árabes (verdadeira aristocracia) e os muladís, cristiáns convertidos ao Islam. Grazas á inicial tolerancia relixiosa, xudeus e cristiáns foron respectados, só tendo que pagar un imposto especial. O número de mozárabes, cristiáns que vivían no Al-Ándalus, foi descendendo co paso do tempo.
  10. E último: Al-Ándalus é un referente cultura da Europa medieval. É unha ponte entre Antigüidade clásica e a Idade Media, entre o mundo de oriente e de occidente. A cultura hispanomusulmá destacou en todos os campos do saber.

Recursos (para ler e profundar no tema)

  • Internet ofréceche a posibilidade de atopar numerosos esquemas, resumos e mesmo presentacións sobre o al-Ándalus. Hai material de abondo.
  • Que non entedes ben o que é unha taifa. Como sempre Wikipedia nos bota unha man.
  • A sociedade do al-Ándalus era heteroxénea, e nela aparecen grupos cuns nomes que nos poden confundir. Se queres saber as diferenzas entre mouriscos, mozárabes, mudéxares e muladís, aqui te achegamos unha ligazón. Mágoa da estética da páxina, non está ao nivel do contido.
  • Como expomos neste episodio, al-Ándalus era o territorio peninsular ocupado polos musulmáns. E como lle chamaban á zona cristiá: Yilliqiya ou Galisiya, o Reino de Galiza nas fontes árabes; O Reino de Galiza nas crónicas europeas. Dúas ligazóns ao xornal Sermos Galiza, que conta con moi interesantes e actualizados artigos sobre a historia de Galiza.
  • E unha de actualidade, cando estamos a escribir a entrada do blog. Séguense a descubrir aspectos da arquitectura islámica na Península Ibérica, grazas a novas excavacións arqueolóxicas, tal como nolo conta o xornal El País: Medina Azahara crece hacia el este del palacio califal.

Onde nos escoitar…

Escoita o meu podcast

Oe ou descarga o audio do episodio en spreaker:

Oe ou descarga o audio do episodio en ivoox.

Oe ou descarga o audio do episodio en iTunes.

Descarga directa do mp3

Ademais destas plataformas de podcast, quen o así o preferiren, poder ouvir este episodio a través da nosa canle en youtube.

E tamén en Spotify!

CRÉDITOS (todas as obras utilizadas utilízanse baixo a licenza Creative Commons, Atribución 3.0): Músicas da sintonía: District Four, de Kevin MacLeod (https://incompetech.com). Temptation March, de Jason Shaw (http://audionatix.com)

Imaxe: Un xudeo e un musulmán xogando ao xadrez no s. XIII no al-Ándalus. Do Libro dos Xogos, de Afonso X de Castela

About José Antonio Martínez

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Previous

A monarquía visigoda

Reconquista e repoboación. A construción da idea de España

Next