Por que non atoparedes unha historia de España que non aborde o tema dos Reis Católicos?
Por que se consideran un referente da historia e da unidade de España?
Por que hai quen sitúa a orixe da España actual no seu reinado?
Que signfican os conceptos monarquía autoritaria ou unidade dinástica que se lle atribúen?
Tanto monta, monta tanto, Sabela coma Fernando?
Non tes 20 minutos para te achegar ao paso á Idade Moderna nos reinos de Castela e de Aragón? Non pasa nada. Aquí te achegamos as conclusións finais do episodio, para que che fagas unha idea do que falamos, mais non perdas a oportunidade viaxar até o paso ao século XVI na Península, desde onde ti quixeres.
Quédate con estes 8 puntos:
- A chegada de Sabela I ao trono de Castela e de Fernando II á Coroa de Aragón tivo como consecuencia unha unión dinástica. É dicir, un vínculo persoal, polo que acordaron se repartir competencias entre eles e administrar conxuntamente os seus respectivos territorios, os seus respectivos reinos. Non aparece un novo país, nin se produce unha unificación territorial de ambos reinos, que manteñen as súas leis e institucións.
- Sabela e Fernando buscaron dotar á Coroa de prestixio e autoridade, situarse por riba das demais forzas sociais, en especial da nobreza. Buscaron, en definitiva, reforzar o seu poder, a súa autoridade. Van promover unha nova forma de goberno, a chamada monarquía autoritaria, na que aínda que perviven elementos medieviais promoven unha reforma administrativa para reforzar o poder real.
- A consolidación do seu poder dos reis comezou coa pacificación dos seus reinos. Finalizada a guerra civil que levou o trono a Sabela e o conflito remensa en Cataluña, que enfrentoba a campesiños contra señores, polos abusos destes últimos, os reis limitaron o poder da nobreza, en especial o militar, grazas ao control do interior dos reinos coa Santa Irmandade e á creación dun exército non feudal, ás ordes directas dos reis.
- Os Reis Católicos impuxeron a unidade relixiosa dos seus reinos, como medio de afianzar o seu poder, que se concretou coa expulsión da comunidade xudía en 1492 e da musulmá en 1502. O Tribunal da Inquisición xogou un papel central nese control da poboación, e da conseguinte imposición do poder dos reis.
- Os reis promoveron unha reorganización da administración. Foi en Castela onde a estrutura administrativa tivo máis cambios, favorecendo a imposición do poder da raíña. Reforzáronse os Consellos, que pasaron a ser órganos executivos ás ordes dos reis, mentres que no eido municipal, en especial nas cidades de reguengo, situose a figura do corrixidor, encargado de facer executar as ordes da Coroa.
- Mantivéronse as Cortes dos diferentes reinos, mais restrinxindo as súas funcións: aprobación de leis, propostas dos reis, e recadación de impostos.
- Para as relacións con outros reinos crearán a figura do embaixador, representante directo deles, mentres que para os reinos con leis e institucións diferentes, mais dependentes deles, instituirán a figura do vicerrei. Para Galiza recibirá o nome de Gobernador, mais terá a mesma función que a dos vicerreis dos outros reinos.
- Finalmente, os reis tamén levarán a cabo unha reforma da xustiza, buscando un sistema centralizado, que estea sempre por riba das xustizas que os señores puideran exercer nos seus territorios. Para este fin crearán as Chancelerías e as Audiencias, como a que establecen na Galiza.
Onde nos escoitar…
- Oe ou descarga o audio do episodio en spreaker.
- Oe ou descarga o audio do episodio en ivoox.
- Oe ou descarga o audio do episodio en Apple Podcast.
- Descarga directa do mp3
- Ademais destas plataformas de podcast, quen o así o preferiren, poder ouvir este episodio a través da nosa canle en Youtube.
- E tamén en Spotify.
- E non terás na túa casa un deses altofalantes “intelixentes”. Pois pídelle que che poña Historia Take Away e aí nos poderás tamén escoitar, porque estamos en TuneIn. Xa nin móbil precisas!
CRÉDITOS (todas as obras utilizadas utilízanse baixo a licenza Creative Commons, Atribución 3.0):
- Músicas da sintonía:
- District Four, de Kevin MacLeod (https://incompetech.com). Temptation March, de Jason Shaw (http://audionatix.com)
- Imaxe: Sabela de Castela, pintada por Xoán de Flandres entre 1500 e1504. Obra conservada no Palacio Real de Madrid.