A Guerra de Sucesión

Cales foron as causas que provocaron a Guerra de Sucesión tras a morte de Carlos II en 1700? Por que esta guerra foi ao mesmo tempo un conflito bélico internacional e unha guerra nos reinos hispánicos? Que bandos se enfrontaron? A que se denomina Paz de Utrecht? A que acordos se chegaron á fin da Guerra? Que relación existe entre a chegada dos Borbóns á coroa dos reinos hispánicos, unha canción infantil e o primeiro ministro inglés durante a Segunda Guerra Mundial?

A estas e outras preguntas tentaremos dar resposta neste episodio.
30 minutos para nos achegar ao momento en que a dinastía dos Borbóns chega ao trono da Coroa hispánica. Si, a orixe familiar de Filipe VI, quen reina agora en España. Que non che apetece? Mira que temos música. Mais se non tes tempo,non pasa nada, déixoche por escrito os principais aspectos deste tema. Mais non deixes pasar a oportunidade de viaxar até 1700, si, desdede onde ti quixeres.

Quédate con estes 8 puntos:

  1. En 1700, a morte de Carlos II sen descendencia pon fin a dinastía dos Hasburgo na coroa hispánica. Xa durante o seu reinado fóronse configurando bandos que defendían futuros candidatos a sucedelo na Coroa, nas que participaron as principais potencias europeas do momento. Francia, por unha banda, e Austria, por outra, buscaron asegurarse os seus dereitos de sucesión á coroa hispánica. Finalmente, Carlos II apoiou ao candidato francés, o Borbón Filipe de Anjou, que reinaría baixo o nome de Filipe V.
  2. A suba ao trono de Filipe V á coroa dos reinos hispánicos deu orixe á Guerra de Sucesión (1701-1713). Este foi primeiramente un conflito internacional. A causa principal da guerra foi a loita pola supremacía e pola hexemonía en Europa. Fronte ao expansionismo francés, que se concretou en continuas guerras no último cuarto do século anterior, a proclamación de Filipe V coma rei rachaba co débil equilibrio de poder en Europa, xa que se comprobaba coma a coroa hispánica pasaba a estar tutelada por Francia, como se pode ver na ocupación francesa de prazas fronteirizas na zona catalá, na elección dun gobernador francés para dirixir os territorios hispanos nos Países Baixos, ou nas concesións comerciais aos franceses en América, en especial no comercio de escravos, o que racha o monopolio que mantiñan os holandeses.
  3. Fronte á expansión poder francés, en setembro de 1701 constitúese unha “Grande Alianza”, formada por Austria, Inglaterra, Holanda e Dinamarca. Unha coalición antifrancoespañola, á que se irán unindo novos países, como Prusia ou a maioría de estados alemáns, Portugal, ou o Ducado de Savoia, todos na busca de obter territorios ou beneficios comerciais nos reinos hispánicos. A busca da hexemonía en Europa, dun novo equilibrio de poder, motivou a configuración de ambos os dous bandos.
  4. Os intereses dos dous bandos concretáronse en: colocar o seu candidato no trono: fronte a Francia que quere que se manteña Filipe V, a Grande Alianza apoia a Carlos de Austria, neto do emperador; dividir as posesións da coroa hispánica: cada país tería os seus obxectivos; obter vantaxes comerciais nas colonias, no comercio con América.
  5. A Guerra de Sucesión foi un conflito internacional que tivo unha dimensión mundial, producíndose enfrontamentos en América e Asia. Mais tamén foi unha guerra interna nos reinos hispánicos. A partir de 1705 atoparemos dous bandos: fronte aos reinos de Castela, Galiza incluída, as provincias bascas, o reino de Navarra, que apostarán por Filipe V coma monarca, fronte os territorios da Coroa de Aragón (en especial Catalunya, mais tamén Aragón, Valencia e Baleares) que retiraron o seu inicial apoio ao rei francés para darllo a Carlos de Austria, que acababa de desembarcar na península con tropas, sendo recibido en Barcelona co apoio popular e posteriormente recoñecido coma rei polas Cortes. As principais causas deste posicionamento foi o apoio destes territorios ao modelo político do austríaco, pactista e en principio que respectaba os foros destes reinos, fronte ao modelo centralizador proposto por Filipe V. Aínda que tamén estarían detrás as vantaxes comerciais que atopaba a burguesía catalá con Carlos coma rei, fronte ao que podía esperar do Borbón.
  6. A Guerra de Sucesión estendeuse de 1701 a 1713. Non houbo un claro dominador da guerra: ás vitorias iniciais francesas sucedéronlle vitorias da Grande Alianza. Todo vai mudar en 1711, cando a morte do emperador de Austria sitúe a Carlos, o pretendente ao trono, coma novo emperador. O esgotamento pola guerra e o medo á creación dunha nova potencia hexemónica austrohispana levará á fin da guerra.
  7. A Paz de Utrecht é o nome que reciben os tratatados que puxeron fin á Guerra de Sucesción, en concreto o Tratado de Utrecht (1713) e o Tratado de Rastadt (1714). Estes dous tratados fixaron o novo equilibrio político e o novo mapa de Europa. Entre os seus acordos máis importantes, Filipe V era recoñecido coma monarca, mais tivo que renunciar ao trono francés, prohibíndose expresamente a unión entre ambos os dous países baixo un mesmo monarca. Gran Bretaña, pola súa banda, foi a grande beneficiada: á cesión de Xibraltar ou de Menorca (que perdería anos despois), obtiña tamén territorios en América (Terranova, illas nas Antillas, ou territorios franceses na bahía de Hudson). E con elas importantes concesións económicas e comerciais en América (liberdade de navegación e comercio e, sobre todo, o monopolio exclusivo do comercio de escravos con América). Carlos de Habsburgo, emperador, recibía os territorios dos Países Baixos, Nápoles, Sardeña e Milán. As Provincias Unidas obtiñen a liberdade comercial que buscaban fronte a Francia. Oducado de Savoi obtiña Sicilia e o título de reino. Ao igual que o duque de Prusia, que se expandía territorialmente e a consideración de reino. Finalmente, Portugal fixaba as súas fronteiras en Brasil e recuperaba a colonia de Sacramento (no actual Uruguai).
  8. E ÚLTIMO, malia a fin da guerra internacional, a loita continuou na península. Cataluña continuou a súa loita contra Filipe V, malia o abandono de Austria e Gran Bretaña. A toma de Barcelona en 1714 por parte das tropas borbónicas e de Mallorca e Ibiza en 1715 deron fin á guerra.

Recursos (para ler e profundar no tema)

  • Aquí tes, directiñas desde de internet, variadas, mais todas moi válidas, respostas escritas ao tema que nos ocupa, A Guerra de Sucesión. Temos a opción que nos ofreceo profesorado de historia do IES Sánchez Cantón, ou o do IES Blanco Amor, de Culleredo. E como non, o que nos ofrece un blog de referencia para esta materia, Faespana. Queredes máis, polo o Blog, Climoas, do IES Monte das Moas.
  • Queres saber máis sobre a Guerra de Indpendencia? Non todo vai ser o que nos marque a CIUG. O blog Senderos de la Historia nos explica, dun xeito ameno, o conflito. Podedes atopalo máis condensado no blog, Enciclopedia de Historia. Sempre é interesante comparar as entradas da wikipedia, e esta guerra nos ofrece a posibilidade. Mirade a versión en español, e comparádea co artigo en inglés.
  • Que queredes saber algo máis de Mambrú? Pois se queredes algo sobre a historia da canción, visitade, como non, a wikipedia ou ide ao blog El fisgón histórico.
  • E non podemos despedirnos sen falar do Museo de Rande. Situado na coñecida coma Fábrica do Alemán (Rande, Redondela), permítenos achegarnos á historia da famosa batalla de 1702. Incribelmente o Museo, chamado Meirande, non conta con páxina web, ou si, mais é unha páxina de Facebook (non che hai que entenda estas cousas). Se queredes botarlle unha ollada, descubrir o que agocha e gozar o entorno da ría de Vigo, visítadeo. Se non podedes, deixámosvos esta ligazón, para saber o que estades a perder.

Onde nos escoitar…

  • Oe ou descarga o audio do episodio en spreaker.
  • Oe ou descarga o audio do episodio en ivoox.
  • Oe ou descarga o audio do episodio en Apple Podcast.
  • Ademais destas plataformas de podcast, quen o así o preferiren, poder ouvir este episodio a través da nosa canle en Youtube.
  • E tamén en Spotify.
  • E non terás na túa casa un deses altofalantes “intelixentes”. Pois pídelle que che poña Historia Take Away e aí nos poderás tamén escoitar, porque estamos en TuneIn. Xa nin móbil precisas!

CRÉDITOS (todas as obras utilizadas utilízanse baixo a licenza Creative Commons):

Músicas

Imaxe

  • A batalla de Vigo, obra de Ludofl Bakhuizen (1630-1708), pertence á colección do Museo Nacional Martímo do Reino Unido, que representa a batalla de Rande de 1702.

About José Antonio Martínez

Deixa un comentario

Previous

A Guerra Civil

Obxectivo Birmania

Next