A Guerra Civil

Neste episodio non imos falar da Guerra Civil. Pero, que dis?, se se titula a Guerra Civil!!!

Ben, explícome un pouco mellor: non esperes que fale da guerra en si, do “conflito bélico”, das batallas, das frontes, do armamento. Non vai ser o que me vai ocupar: non porque non goste disto, que en verdade … non me atrae especialmente.

Aínda que teño que recoñecer que é un tema, o da historia militar, que triunfa, non só nos podcasts, con miles de escoitas, senón tamén en numerosos documentais que podes ver na tele ou nas revistas de historia de divulgación xeral. A Guerra Civil en cor, A Guerra Civil como nunca a viches, isto das guerras ten un público fiel.

O que nos interesa para as proba ABAU

Ben, independentemente dos meus gustos, o que me leva a centrarme noutros aspectos é, como sempre, o que nos pide a CIUG, para as probas ABAU. E coido que é abondo interesante.
Deste xeito falaremos da sublevación militar, do seu contexto e da súa organización; dos dous bandos en conflito, coa división de España en dúas zonas, unha baixo o poder dos sublevados e outra fiel á República; e, por último, da dimensión internacional da Guerra Civil.

As reformas da República: o punto de partida

Non podemos falar do contexto en que se produciu a sublevación militar que deu inicio á Guerra Civil sen afondar un pouco nas causas. Non existen explicacions unicausais, unidireccionais: … por esta causa, esta consecuencia. Hai múltiples causas que nos permiten explicar a sublevación militar que deu orixe á Guerra Civil.
Podemos comezar pola causa final, o detonante da Guerra Civil: o golpe de estado militar contra o goberno da República, liderado por un grupo de xenerais, Franco, Sanjurjo, Mola, e outros, en xullo de 1936.
A II República foi a primeira proposta democrática da historia de España. É o programa de Reformas que tentan levar a cabo os gobernos republicanos de esquerda o que está detrás, máis directamente do golpe de Estado.
A II República deu voz, social e política, a novos grupos sociais que reclamaban o seu protoganismo: o proletariado, as clases medias e baixas, os xornaleiros e pequeno campesiñado.
En fronte, as elites sociais tradicionais, oligarquía terratente e alta burguesía, que gobernaban o país desde a Restauración co apoio dos militares. E estes querían manter o monopolio do poder. As reformas que se propoñen desde o gobernos republicanos de esquerda, supoñen un ataque frontal ás súas bases de poder.

É o programa de reformas que tentan levar a cabo os gobernos republicanos de esquerda o que está detrás do golpe de Estado.

A conspiración militar: o golpe de estado de 1936

Son as eleccións de 1936, coa vitoria da Fronte Popular, o que está na orixe da sublevación militar.
O golpe de estado do 36 foi premeditado e planexado. Xa antes de que o xeneral Mola tomara en abril a dirección golpista, desde o propio febreiro, aínda non constituído o goberno e para evitalo, as forzas de dereitas tentaron declarar o Estado de guerra, para que os militares tomasen o mando do país. Que buscaban? Frear o programa político, as reformas, que ía pór en marcha o goberno nada máis tomar o poder.
As forzas de dereita, derrotadas nas urnas,non esperaron á acción reformista do goberno. Xa coñecidos os resultados electorais optaron pola opción do golpe militar coma única saída posible. Constituíronse nun verdadeiro “contrapoder”, conspirando contra o goberno electo.
O plan de Mola e dos outros xenerais golpistas era claro: iniciar o golpe coa sublevación do exército en Marrocos, estenderse rapidamente e dominar toda a península, eliminando sistematicamente a todos os contrarios á sublevación.
A situación de violencia nas rúas, o deterioro da orde pública, con numerosas folgas, ataques ao clero e saqueos e queimas de igrexas, mais en especial a violencia política, foi o que lles levou a precipitar o golpe, un 18 de xullo, despois que uns días antes fora asasinado o líder conservador José Calvo Sotelo, en resposta ao asasinato previo de José Castillo, un socialista, tenente da Garda de Asalto.

O golpe militar: entre o éxito e fracaso

O xeneral Mola artellara unha sublevación onde se xuntaban unha trama civil, que daba apoio político e económica, ademais da trama militar.
O golpe iniciouse en África, declarándose o estado de guerra en Canarias e Marrocos. Franco, que estaba destinado en Canarias, desprazouse en avión a Marrocos.
Mais o éxito do golpe non se estendeu como estaba previsto polos xenerais sublevados. Houbo adhesións e triunfos puntuais nalgunhas cidades (Pamplona, Sevilla, Valladolid, Burgos, Zaragoza ou Mallorca), mais fracasou nas principais cidades: Barcelona,Madrid e Valencia.
Na nosa terra o golpe triunfou, malia as tentativas de resistencia na Coruña, O Ferrol ou Vigo.
A Guerra Civil, que durará tres anos, entre 1936 e 1939,é a resultado de que este golpe non foi nin un éxito nin foi derrotado. Os golpistas non foron quen de impor os seus plans, mais o goberno non foi quen de acabar cos sublevados. A Guerra ditaría sentenza tres anos despois.
O éxito ou o fracaso do golpe, nas diferentes zonas, veu marcado:

  • Pola capacidade de se coordinar os sublevados.
  • Polo grao de reacción das forzas populares ante o golpe. Sempre temos que ter en conta a indecisión inicial do goberno republicano, que con algunhas decisións que tomou, como a desarticulación dos corpos militares onde entendía que podería haber sublevación, reduciu ao final as forzas do exército republicano. Mais foi, sobre todo, a súa negativa inicial a entregar armas á poboación, en concreto ás forzas proletarias, para se defender do golpe, polo medo dos republicanos a unha revolución social, o que dificultou a reacción ante os golpistas. Nas zonas onde a poboación se autoorganizou máis rapidamente, a sublevación fracasou.

As dúas Españas

Tras o golpe, España ficaría dividida en 2: a zona baixo o control da República e a zona baixo o control dos sublevados (que eles denominarían “nacional”). Porque a linguaxe tamén xoga, é fundamental a propaganda: non é golpe de Estado, tras a vitoria eles falarán de “Glorioso Alzamento Nacional”. Porque eles son os nacionais, e os outros, antiespañois. Eles os azuis, os outros os vermellos. Dous bandos enfrontados.

A configuración dos bandos

Non houbo espazo para os indicios. A guerra obrigou a todo o mundo a se posicionar.

O exército:

Teoricamente dividido, finalmente tivo máis peso no bando sublevado.

  • O exército de Terra estaba dividido, mais o sector fiel á República ficou desarticulado e tivo que comezar de O.
  • A Mariña e a Aviación posicionouse moi maioritarimente fiel á República. Mais a falta de material e subministros, así como a acción dos exércitos alemán e italiano a prol dos sublevados, desequilibrou cara o bando golpista.
  • Nos outros corpos, a Garda Civil (agás en Barcelona), apoiou maioritariamente o golpe, fronte os corpos da Garda de Asalto e de Caribineiros, que se mantiveron fieis ao goberno republicano.

O bando republicano

Os seus apoios fundamentais foron as masas obreiras urbanas das cidades industriais, os xornaleiros do sur da península, así como a pequena burguesía urbana.

O bando sublevado

A poboación católica e conservadora das cidades, os pequenos e medianos propietarios agrícolas, apoiaron maioritariamente o golpe.
No bando golpista cómpre destacar fundamentalmente o papel da Igrexa católica, que non só apoia o golpe, senón que lle dá unha cobertura ideolóxica, convertendo a guerra nunha “Cruzada contra o comunismo”. Converten os golpistas en defensores da fe, da orde e da tradición. Non farán ningunha crítica á represión que estes van facer de xeito sistemático nas zonas baixo o seu control, denunciando, pola contra, a que se vai facer na zona republicana.
Porque desde un primeiro momento se vai producir unha violencia desbocada nos dous bandos: na zona sublevada, como xa indiquei, planificada, e executada coma represión de Estado, na busca de exterminar a todos os opositores á sublevación, entre eles todos os cargos das diferentes institucións da República. Na zona republica tamén se levará a cabo unha forte represión, mais ante a ausencia dun poder organizado, esta realizarase desde abaixo, sen unha xerarquía nin control central establecido.
Fica así unha España dividida, cada unha baixo o control, xa dos militares golpistas, xa das forzas a prol da República.
Non penses nunha poboación entregada á guerra, nin pola fe, nin pola República. Cada vez hai máis estudos que mostran como unha maioría da poboación, por azar xeográfico, por se atopar na parte controlada por uns ou por outros, participou na contenda a prol do bando que lle tocou. Non lle quedaba outra. Tamén se descobren a gran cantidade de desortores que se produciron.

A dimensión internacional do conflito

Non se pode entender a Guerra Civil sen atender ao contexto internacional. Como xa mencionei, as “novas ideoloxías” emerxentes, fascismo e comunismo, están moi presentes no conflito. As potencias fascistas, que en 1936 están no seu máximo apoxeo, Alemaña e Italia, serven de referente ideolóxico aos golpistas, ademais de apoio económico e militar fundamental, imprescindible, sen o que non se entendería o desenlace da Guerra Civil. O comunismo da URSS, na versión estalinista, tamén inflúe de maneira directa no bando republicano, neste caso non só ideoloxicamente, ou con apoio, senón tamén contribuíndo a enfrontamentos dentro das propias forzas de esquerda, en especial comunistas e anarquistas.
Desde o primeiro momento, a guerra tivo unha fonda repercusión e trascendencia na esfera internacional, en especial, en Europa.
Desde o punto de vista ideolóxico, enfocouse o conflito como unha loita entre o fascismo e a democracia liberal: unha idea moi simplista, mais que tivo éxito no imaxinario do momento.
Con todo, o máis importante, para as diferentes potencias europeos, era o posible impacto sobre o equilibrio, tenso equilibrio político que existía en Europa e e no mundo neses momentos (pensa que tres anos despois comezaría a II Guerra Mundial).

O apoio internacional que tiveron ambos os dous bandos só serviu para prolongar a Guerra Civil, co que supuxo en número de mortes e destrución, así como para desequilibrar o conflito, dándolle unha vantaxe militar fundamental ao bando golpista, o que lles levaría a gañar a guerra.

A posición oficial concretouse co Comité de non intervención (Londres, 1 de agosto e de 1936. Coa participación de 30 países, deciuse non enviar apoio militar, reducir o conflito a un contexto interno español. A idea era evitar a extensión da guerra a Europa. Quen apoiaban esta idea era principalmente GB e Francia, as dúas democracias liberais máis importantes en Europa.
Mais todo foi un paripé, unha farsa.. Asinaron non enviar, mais as potencias fascistas si que o fixeron, desquilibrando a guerra en favor dos golpistas, de Franco.
Tamén acordaron pechar as fronteiras, aspecto que Francia mantivo até 1939, pouco antes do final da guerra. Xunto a Francia, GB, Italia e Alemaña comprometéronse a controlar a fronteira marítima. Como xa falei, de novo benificiou ao bando dos sublevados.
O bando sublevado foi o grande beneficiado. Houbo unha fonda vinculación co fascismo europeo, que unía intereses ideolóxicos e políticos. Alemaña deulles apoio militar e loxístico, enviando tropas á península, e xogando un papel central coa mariña, co traslado das tropas sublevadas no inicio do golpe de Marrocos á Península, como coa aviación, a coñecida Lexión Cóndor, que bombardeou sistematicamente as posicións republicanas, e que Picasso amosou ao mundo co seu cadro Guernica.
Mais non abondou: Italia tamén lles aportou material bélico e militares, asegurando o control marítimo no Mediterráneo. E Portugal, militares, así como asegurarlle o paso de víveres ao exército sublevado.
A situación para o bando republicano era ben diferente. Francia e GB apostaron pola non intervención. Prefiron unha vitoria dos golpistas a unha posible vitoria republicana que supuxese unha posible extensión da revolución social en Europa, é dicir, nos seus países (temían máis ao comunismo que ao fascismo).
A República só contou co apoio de México, mais testemuñal que outra cousa, e co apoio da URSS de Stalin, que lle enviou asesores militares e lle vendeu armas.
Un importante papel xogaron as Brigadas Internacionais, formacións militares constituídas por voluntarios extranxeiros. Calcúlase que serían entre 40000 e 6000 persoas, aínda que nunca coincidiron máis de 20000 ao mesmo tempo. Formado por obreiros e intelectuais, tiveron un grande papel na defensa de Madrid, mais fundamentalmente co apoio moral que deron ao bando republicano. Marcharían en outubro do 38, co guerra case perdida, debido á presión internacional dos seus países.
E Estados Unidos? A grande potencia mundial fixo negocio, respectando no papel a non intervención, mais vendendo armas e petróleo a empresas privadas.
Dise que a Guerra Civil serviu as potencias fascistas, Alemaña, para ser un campo de probas militares para a II Guerra Mundial.
A política de non intervención foi unha farsa. O apoio internacional que tiveron ambos os dous bandos só serviu para prolongar a Guerra Civil, co que supuxo en número de mortes e destrución, así como para desequilibrar o conflito, dándolle unha vantaxe militar fundamental ao bando golpista, o que lles levaría a gañar a guerra.

Recursos (para ler e profundar no tema)

  • Primeiramente, o que máis vos interesa: a teoría. Un achegamento ao tema a través dun vídeo, de Santiago Dans. Para quen sexades máis de papel, aquí tedes o tema grazas ao profesorado de historia do IES Blanco Amor de Culleredo, ou un moito máis resumido, do IES Sánchez Cantón.
  • Se buscades modelos de exame, aquí volo traes o blog Hisguiti, ou na mencionado noutras entradas, Faespana.
  • Son numerosos os documentais sobre a Guerra Civil. Que non queredes perder o tempo buscándoos? Aquí vos traio unha web onde aparecen agrupados moitos, mesmo demasiados. Mais a vós vos toca escoller.
  • Se queredes profundar na Guerra Civil, como non, recomendarvos un podcast, El abrazo del oso. Non se limita unicamente ao conflito bélico, mais veredes a cantidade de episodios que dedica a aspectos concretos.

https://es.wikipedia.org/wiki/Archivo:J_mmue_202444_1_00001.jpg

CRÉDITOS (todas as obras utilizadas utilízanse baixo a licenza Creative Commons, Atribución 3.0):

About José Antonio Martínez

Deixa un comentario

Previous

Economía e sociedade na Galicia dos Austria

A Guerra de Sucesión

Next