2018: o ano dos podcasts?

Moito se fala sobre se estamos ante o ano do podcast, da súa explosión, da súa xeralización, ou se está a chegar o momento de se converter nun fenómeno “mainstream”. E non é algo novo: xa van máis de dous anos onde se anuncia o definitivo “Ano do podcasting”. De seguro, de atendermos principalmente as cifras globais de escoita ou a pretendida profesionalización deste sector, aínda estamos ben lonxe. Mais se atendo a miña realidade, ao meu medio preferido de entretemento, á canle de coñecemento, descuberta e formación predilecta (e máis utilizada con Youtube), non hai dúbida: Este 2018 foi o ano do podcásting.

E chegados ao final do 2018 querería agradecer a todas aquelas persoas que dedicaron o seu tempo, esforzo e sabedoría por facernos pasar un bo rato, a todas, quen coma eu, gozaron da súa compañía nas máis variadas situacións ao longo do ano, xa con 🎧 pola rúa, nos traxectos no 🚗 ou nos 🔊 na casa. E como facelo? Pois compartindo con vós as descobertas do ano, algúns dos podcasts que máis me chamaron a atención ou os podcasters que máis me ensinaron ou, polo menos, me fixeron pensar.

Unha listaxe ben particular

Son moitos e ben variados os podcasts que escoitei este ano. E de que trataban?

Tecnoloxía, como non

Cheguei aos podcasts a través dun blog de tecnoloxía, Salmorejo Geek, e máis en concreto a través do seu autor, Yoyo Fernández, grande blogueiro e podcaster. Abondan os podcasts de tecnoloxía, o que para min é unha sorte, xa que gosto moito desta temática. Hainos de todos os tipos, mais se teño que salientar algún, neste 2018, serían os seguintes:

· Bateria2x100

Di o seu autor, Fran, que é “un intento de podcast de todo un poco mucho de nada”. Para min é un podcast ameno, cunha duración entre 10 e 30 minutos, aínda que poida haber algún máis longo, sobre todo cando comparte experiencias con outro podcaster.

Centrado na tecnoloxía, os seus temas preferidos son o mundo Mac e iOS, e as súas aplicacións, así como un pouco sobre os NAS.

Din con el buscando algo de información sobre Workflow, o actual ShortCuts, esa aplicación que che permite automatizar os dispositivos iOS, mais quedei porque me gusta como conta as cousas. Porque unha cousa que confirmei neste ano é que nun podcast é esencial o contido, máis é imprescindible establecer unha ligazón co seu autor.

· Atareao-podcast

Se gostas de linux e do software libre, este é o teu podcast. Ubuntu, Raspberry Pi, Libreoffice, Telegram, ou outros temas teñen cabida nel. Cheguei a Lorenzo a través do seu blog, mais encantoume o seu podcast. O blog segue a estar aí, o que unido aos contidos tradicionais, agora aporta as notas de cada episodio dun xeito moi didáctico. Outro bo exemplo é Ugeek podcast], que é o xeito máis fácil de nos introducir no mundo de multitude de servizos web ou da Raspberry Pi. Seguide o seu autor, Ángel, que mesmo ten un podcast e unha canle de telegram sobre a elaboración de pan artesanal.

· Esto con Jobs no pasaba

Para min, o magazine de tecnoloxía por excelencia. Parte do mundo de Mac e iOS, porén é moito máis. Novas tecnoloxías, produtividade, actualidade do mundo audiovisual (todas as plataformas de streaming) e mesmo xogos de mesa. Neste ano pasou de formar parte da cadea Avpodcast, a iniciar unha andadura en solitario, unha aposta por un feed único onde xunto ao podcast de referencia cada mes podemos achegármonos, en forma de 💊, a podcasts en formato reducido específicos sobre os temas que falan devagar no podcast mensual. José Luís Hurtado ten algo que eu creo que xa o converteu nun dos podcaster sen o que se poida enteder a historia deste medio en España.

Isto non é radio

Como explicar o que é un podcast? Dise habitualmente que os podcasts con como programas de radio que ti podes escoitar cando queiras. Mais isto non é radio, aínda que haxa xente falándonos ao outro lado dos auriculares. Neste mundo hai unha serie de formatos, de contidos, que non teñen cabida nas emisoras de radio tradicionais. E é o que o fai interesante e único.

· Lo que tú digas

Alex Fidalgo achegounos ao longo deste ano toda unha serie de “historias asombrosas”, como el di, a través de entrevistas en profundidade a persoas ben diferentes, algunhas máis coñecidas ca outras, mais todas ben interesantes. Moi fiel á súa cita semanal, para min este podcast de entrevista, “conversacional”, é unha das cousas que distingue aos podcasts da radio convencional: unhas entrevistas longas, pausadas, alleas ao conxuntural, ao mediático, e cunha tendencia ao intemporal (se non as escoitastes, poderiades recuperalas agora todas e manterían a súa vixencia). En definitiva, algo que nunca poderiades escoitar nas principais cadeas de radio de España.

· Sexto Grao

Un podcast de entrevistas que parte dunha idea ben curiosa: “a teoría dos seis graos de separación di que dúas persoas calquera do mundo están ligadas entre si por seis lazos de amizade”. E a partir do número 6 presentóusenos neste 2018 6 persoas, falando de 6 temas, escoitando 6 cancións relevantes para cada un delas, e aportando 6 nomes para ir coñecendo novas persoas ás que estaremos atentos neste 2019. Moi recomendable.

· Diarios de un knowmad

Unha das temáticas máis amplamente representadas no podcasting actual é a que versa sobre a produtividade, o desenvolvemento persoal e profesional. Hai moitos, algúns bos, e non paran de medrar. Mais eu gostei deste en especial, tanto dos contidos coma do condutor, Raúl Hernández González, que “escóitase” ben que sabe do que fala, ademais de nos sorprender co coidado na produción de cada episodio. Se estás no campo do traballo do coñecemento, non dubides en escoitalo.

· Como ser más productivo en tu día a día. GTD

Un podcast dos que se di de nicho. Produtividade, mais que xira arredor da metodoloxía GTD. Para todos os que queiran coñecer de que vai isto do Getting Things Done poden empezar por ler o libro de David Allen, mais que será ben acompañado das reflexións que cada venres nos trae Jesús Bedmar.

· Gurrucho de Vozcast

Un grupo de amigos nun faladoiro arredor dun tema de literatura ou cinema que abordan en profundidade: dos filmes de Buster Keaton, James Bond ou Indiana Jones, á obra de P. K.Dick ou dos superheroes. Un podcast que mostra que se temos algo que contar e nos apaixoa contalo,só fica coller o micro. Dádelle unha escoitada a estes de Gurrucho.

· O Son das Ideas

Temos a Efervesciencia na Radio Galega, que nos trae as súas doses de ciencia sen contraindicacións cada mércores ás 24:00 h. Manuel Vicente é xa un referente na divulgación científica, non só en galego, mais temos a sorte de contar con novos programas específicos sobre ciencia e en galego. O Son das Ideas preséntanos temas serios, de “ciencias puras” e ben difíciles, abordados desde unha conversa moi distendida. 4 episodios e agardamos máis.

O podcast é o podcaster

Podería falar de moitos máis podcasts, mais quero rematar con tres. “Os últimos serán os primeiros”. Teñen en común a súa temporalidade, diaria ou case, o que me fai preguntarme de onde sacan tantos temas, aínda que só sexa un por día, para manternos atentos cada mañá. Conseguen que as súas movidas, as súas teimas, “cualquier cosa que me interese”, sexan compartidas por moitos ouvintes, entre os que me atopo. Se sumo os seus 15-20 minutos diarios, posiblemente serán os podcasts aos que máis tempo lles dediquei (ou non), mais son os que procurei colocar, cada día, no inicio da miña listaxe de reprodución. Por isto,son os meus podcasts do ano.

· Daily

No mundo do podcasting dis Emilio Cano e xa está todo dito. Podes non compartir todas as súas teimas, os seus problemas de primeiro mundo, mais non importa tanto o que di canto como o di. Valla esta cita para lle agredecer todo o que fai pola difusión do podcasting en España.

· Todas mis movidas

Cheguei a Oliver Nabani grazas a Fran, de Bateria2x100. Preséntase coma “un podcast ligero en el que te cuento cómo veo el mundo”. Temas de ciencia, realidade virtual, intelixencia artificial, tecnoloxía, etc., para min temas moi difíciles mais que el sabe presentar/explicar dunha maneira ben didáctica. Conta tamén cunha canle de youtube, moi currada, en especial neste último ano, mais eu o prefiro en formato podcast. Sabe do que fala, sabe como contalo, e temos a sorte de que dediquei non só eses 15 minutos que dura cada episodio,senón todo o tempo que ten que levarlle preparalos, para nos traer este contido tan bo.

· Sobre la marcha

Se tivese que escoller o meu podcast do ano 2018 elixiría este. Gabriel Viso Carrera, é un vigués que vive en Australia, que nos conta as súas reflexións, sobre a marcha, do que vive e do que pensa. Gosto do seu enfoque sobre a tecnoloxía e o seu uso, sobre a produtividade, o podcasting, a súa perspectiva sobre as finanzas persoais ou anécdotas do seu día a día en Australia. Neste ano falou do minimalismo ou das falacias, e achegoume perspectivas nas que non reparara. Que máis podo dicir? Que se non o escoitastes, non perdades o tempo e facédeo.

About José Antonio Martínez

2 comentarios en “2018: o ano dos podcasts?”

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Previous

Reconquista e repoboación. A construción da idea de España

Monarquía feudal e sociedade estamental

Next